viernes, 21 de junio de 2019

Excursión a Cambados

Durante o último trimestre, estivemos traballando sobre as profesións das persoas, e moi especialmente sobre a profesión de mariscadora, tan importante e frecuente na nosa zona.

https://photos.app.goo.gl/MGoTYinWDPvxdhcr5
Vimos as ferramentas coas que traballan, e como se utilizan. E, como tamén estábamos vendo otema dos invertebrados, aproveitamos para aprender cousas sobre os moluscos.
Para rematar o tema, fixemos unha excursión a Cambados, onde un grupo de mariscadoras explicounos como facían o seu traballo. E tamén nos deixaron mariscar!
Atopamos un montón de invertebrados: ameixas de distintos tipos, berberechos...e tamén unha estrela de mar e algunha miñoca!
Queredes velo? Pinchade na foto!

miércoles, 29 de mayo de 2019

Experimento: cal cae máis rápido?

Este experimento é moi doado de facer.
Só precisamos distintos obxectos, que teñan pesos e formas diferentes.
Nós usamos:
  • Un folio engurrado. 
  • Unha goma de borrar. 
  • Unha pluma de ave. 
  • Un folio posto de xeito horizontal. 
Primeiro, fixemos as nosas predicións acerca de cal caerá máis rápido.


https://photos.app.goo.gl/JuZB8dRcGNSnVVJt9

Logo, lanzamos os obxectos ao mesmo tempo desde a mesma altura, poñendo o folio de xeito horizontal.
O obxecto que máis tardou en caer  foi a pluma, e iso fíxonos pensar que o peso é moi importante en relación coa velocidade coa que caen os obxectos.
Pero daquela...por que o folio engurrado cae máis rápido que o folio posto horizontal, se os dous pesan o mesmo?
A resposta está no aire (case como na canción de Bob Dylan).
Como non vemos o aire, tendemos a esquecer que está aí, pero as partículas dos gases que o compoñen sosteñen con máis facilidade un folio estirado que un engurrado.
Por iso, se fixésemos o experimento no vacío, unha pluma e un obxecto moi pesado caerían ao mesmo tempo, tal como no seu día demostrou Galileo. Mira, mira!

Experimento: taumatropo.

Que pasa cando vemos dúas imaxes moi rapidamente, unha a continuación de outra?
Pois que se superpoñen no noso cerebro, e vémolas unidas.
Esa é a base dos debuxos animados, e tamén a deste xoguete que acabamos de facer, o taumatropo.
https://photos.app.goo.gl/mjJYTnAgFdEuHRM37

Para facelo, pintamos e recortamos dous círculos que levan imaxes combinables (un paxaro e unha póla, un peixe e o mar, unha araña e unha arañeira, unha cabeza e un sombreiro...), pegámolos sobre un cartón para darlle un pouco de consistencia, e despois metemos un pauiño polo medio, para poder xiralas.
Ao xirar, as imaxes superpóñense, e vemos o paxaro subido na póla, o peixe sobre o mar, a araña na súa arañeira, o sombreiro enriba da cabeza...
Veña, a xirar o voso taumatropo, e...que xire o mundo!

lunes, 8 de abril de 2019

Maqueta dun río

Vós sabedes que partes ten un río?
En 2º A estivemos traballando un pouco sobre o tema.
Primeiro vimos un vídeo que explicaba as partes dun río: curso alto, curso medio e curso baixo; e as características de cada unha delas.
https://photos.app.goo.gl/7c7DvZLQJKgxd642A

Despois, organizámonos por equipos, e cuns cartóns de leite cortados ao medio (iso deixámosllo á profe, que andar co cúter é perigoso!) fixemos a maqueta dun río.
Pintamos, debuxamos, modelamos, e puxemos o nome de cada unha das partes.
A ver se vos gusta como quedou!

jueves, 4 de abril de 2019

Plantar

No patio do cole temos un anaquiño de horta.
https://photos.app.goo.gl/3obtwmCYfPUXJr5YA

Como a primavera é bo tempo para sementar cousas, a semana pasada estivemos traballando na nosa horta. Primeiro, aireamos un pouco a terra, escavando por aquí e por acolá para que quedase ben soltiña. Despois fixemos buratos para poñer as plantas.
Botamos un montón de cousas diferentes: leitugas, cebolas, porros... E como non todo ían ser verduras, tamén puxemos unha riquísima froita: amorodos.
Por último, augamos ben todo. Xa sabedes que as plantas precisan auga para vivir!
Agora temos que estar pendentes, non vaia vir algún paxaro comernos os amorodos. Dos que voan ou dos que andan a dúas patas, ti xa me entendes! ;-)

miércoles, 3 de abril de 2019

Contacontos co profe Miguel

A semana pasada estivemos na biblioteca co profe Miguel.
Se vises que ben sabe contar os contos...é un artista!
Contounos o conto de Daniela, a nena que quería ser pirata.
Tamén nos contou un de dous irmáns que tiñan un muíño máxico.
https://photos.app.goo.gl/vv946ztHjaL3MBn28

Pero o máis divertido foi que fixemos teatro. Porque Miguel traía algunhas cousas para disfrazarnos, e saímos representar o conto dos dous irmáns.
Pasámolo pipa!!
Aí vos quedan as fotos, que dan fe do que vos digo. 
Grazas, profe Miguel.

miércoles, 20 de marzo de 2019

Museo Historia Natural




As dúas horas de visita guiada no museo pasaron voando!
Puidemos ver todo tipo de animais vertebrados e invertebrados e ademais observar rochas, pedras preciosas, restos de meteoritos...
Que vos pareceu a visita? Que foi para vos o máis impresionante?


jueves, 14 de marzo de 2019

Experimento: o equilibrista.

O noso último experimento vai de equilibrios.
Con tres tapóns de corcho, dous espetos de madeira, dous alfinetes e unha bóla de polispán,construímos unha figura, e poñémola a andar por unha pasarela feita cunha regra  suxeita entre dous libros. Bueno, e noutros sitios: o dedo, a punta do nariz, o borde da mesa...

https://photos.app.goo.gl/8QLLc75EsUTRFvZK8

Despois, miramos que pasaba cando lle quitamos un dos corchos, e tamén que pasa cando lle quitamos os dous.
Así chegamos á conclusión de que ter o mesmo peso en cada lado axúdalle a conservar o equilibrio. 
O experimento gustounos moito. Animádevos a probar!
Que teñades un día moi equilibrado. ;-)

miércoles, 13 de marzo de 2019

XEOMETRÍA NA MULTIPLICACIÓN


Xa podedes xogar coas táboas de multiplicar e a xeometría na casa. Nós aínda facemos esta actividade realizando series( contando de oito en oito, de sete en sete...) pero xa estamos listos para comezar a practicar deste xeito coa táboa do 2, 3 e do 5.
Espero  moitas fotos das vosas formas xeométricas!

6ª ENTREGA DIARIO DE AULA 2º B



miércoles, 20 de febrero de 2019

Un experimento moi noxento.


https://photos.app.goo.gl/z5SG9zDB9wQsHTwJ6
Que pasa cos alimentos cando os deixamos ao aire, sen ningún tipo de protección?
Como non o tiñamos moi claro, decidimos facer a proba.
Collemos:
  • Un anaco de queixo. 
  • Un iogur. 
  • Un anaco de pan.
  • Un anaco de mazá. 
  • Garavanzos crus. 
  • Un anaco de tomate.
Primeiro fixemos as nosas hipóteses sobre o que pensábamos que ocorrería con cada un deses alimentos. Poñeríase negro? Máis brando? Máis duro? Collería mofo?
Para comprobalo, deixamos cada cousa no seu recipiente, a temperatura ambiente, durante varios días. Ao longo dese tempo, fomos facendo distintos rexistros do que observábamos.
Aos pocos días (puaj!!!) houbo que tirar o anaco de tomate: ademais de ter mofo, cheiraba e botou un líquido noxento...iso non podía seguir ao noso lado!
Pouco a pouco tivemos que ir tirando todo, porque se poñía realmente noxento. Todo menos unha cousa: os garavanzos.
Preguntámonos por que sería iso, e levamos a pregunta para casa. Alí dixéronnos que era porque estaban secos.
Así que agora xa sabemos que un método para conservar os alimentos por máis tempo é secalos. É o que se fai, ademais de cos garavanzos, coas fabas, coas lentellas, coas froitas "pasas"...
Que outras maneiras haberá para conservar os alimentos?
Seguimos investigando, xa vos contaremos!

lunes, 18 de febrero de 2019

Plano inclinado 2.

En 2º A seguimos experimentando cos planos inclinados.
Este segundo experimento consiste en variar a inclinación do plano, e ver que efecto ten esa variación na velocidade do obxecto lanzado por el abaixo, e na distancia percorrida por ese obxecto.

https://photos.app.goo.gl/Yp8pv9VyC69hBaW16

Primeiro fixemos as nosas hipóteses: que pasará se aumento a inclinación do plano? Irá o obxecto máis rápido ou máis lento? A que distancia chegará?
Despois, fixemos as nosas comprobacións, a base de observación e cinta métrica.
Observamos que canto máis alta é a plataforma de apoio, máis velocidade colle o obxecto, e máis lonxe chega.

viernes, 15 de febrero de 2019


    O mércores tivemos tres convidadas especiais na clase. Explicáronnos que é o cancro e fixéronnos visualizar que "loitando cun sorriso" moita xente se cura. Paz contounos a súa experiencia como nai ,Lucía (psicóloga)explicounos con moita claridade en que consiste a enfermidade e os efectos secundarios das mediciñas e Isabel mostrounos fotos da súa etapa no hospital.
  Tamen fixemos lazos dorados para  lembrarnos destes nen@ que dende tan pequen@s son uns e unhas súper loitador@s.
  Grazas ás tres  por esta sesión tan especial!

jueves, 14 de febrero de 2019

Lagostinos crocantes.


https://photos.app.goo.gl/WGajpwqkkZjtdGTk8

Continuando co noso proxecto de cociña, nesta ocasión fixemos unha deliciosa receita de lagostinos crocantes ao espeto.
Esta vez non tivemos que facer, como na anterior, a lista dos utensilios necesarios para a elaboración da receita. Como viña sen os ingredientes, o que fixemos foi pensar que ingredientes serían necesarios, e que cantidade de cada un deles. 
Unha vez feito ese traballo, pedímoslle á profe Reme o seu forno, e puxémonos mans á obra.
Saíron...mmmmmmmmmmmmmm!!! Deliciosos!!
Animámosvos a que probedes na casa. Tendes a receita aquí.
É moi faciliña de facer!

miércoles, 30 de enero de 2019


                                                            VISITA DAS MAIORES
O luns pasamos un día xenial! 
A clase encheuse dun ambiente especial onde compartimos receitas, comida e xogos.
E ademais as nosas convidadas agasalláronnos cun libro de receitas escrito por elas mesmas.
Todos e todas desexamos que chegue axiña a próxima xuntanza.

Experimento con rampas

Que lle pasa a un obxecto cando o tiramos por un plano inclinado?
Que obxectos se deslizarán mellor por el? Cales chegarán máis lonxe?  A que distancia chegará cada un?
Fixémonos todas estas preguntas, e tratamos de aventurar a nosa resposta antes de comprobalo, escribindo as nosas predicións na folla de rexistro.  É dicir: fixemos hipóteses. Así funciona o método científico!
https://photos.app.goo.gl/VpWHxKBo3nSSGekm9

Despois, montamos o plano inclinado no pasillo, e comprobamos as nosas predicións. Vimos que hai obxectos que se deslizan moi ben e que chegan moi lonxe, mentres que outros deslízanse con dificultade ou mesmo quedan parados.
A conclusión á que chegamos é que os obxectos que teñen forma redondeada deslízanse moito mellor.
Xa o pensábamos...pero agora sabémolo de certo!

viernes, 25 de enero de 2019

NACHOS CON GUACAMOLE




Tras ler e analizar en equipos a receita de nachos con guacamole chegou a hora de cociñar.
Aproveitamos para estimar o peso dos diferentes ingredientes e pesar na balanza.
Quedou  rico?O que está claro é que no prato non  quedou nadiña.

Fotógrafa: María Millán.

jueves, 24 de enero de 2019

Nachos con guacamole


https://photos.app.goo.gl/bSNc8rjn4MXenJMV9

Durante este trimestre, en segundo imos facer algunhas receitas de cociña.
A primeira que traballamos foi a de nachos con guacamole.
Primeiro lemos a receita e, por equipos, tratamos de averiguar que utensilios precisaríamos para facer o guacamole. Díxonos a profe que ela só ía traer os que nós dixésemos Certámolos todos! Máis nos valía, senón non poderíamos facer o guacamole... :-)
Despois fixemos o guacamole. Organizámonos por equipos, e cada equipo tiña que facer algúns dos pasos recollidos na receita.
Foi moi doado, porque a nós dásenos moi ben isto de cociñar.
Deixámosvos a receita, por se queredes practicar na casa. Ollo co picante, non vos pasedes!