miércoles, 29 de mayo de 2019

Experimento: cal cae máis rápido?

Este experimento é moi doado de facer.
Só precisamos distintos obxectos, que teñan pesos e formas diferentes.
Nós usamos:
  • Un folio engurrado. 
  • Unha goma de borrar. 
  • Unha pluma de ave. 
  • Un folio posto de xeito horizontal. 
Primeiro, fixemos as nosas predicións acerca de cal caerá máis rápido.


https://photos.app.goo.gl/JuZB8dRcGNSnVVJt9

Logo, lanzamos os obxectos ao mesmo tempo desde a mesma altura, poñendo o folio de xeito horizontal.
O obxecto que máis tardou en caer  foi a pluma, e iso fíxonos pensar que o peso é moi importante en relación coa velocidade coa que caen os obxectos.
Pero daquela...por que o folio engurrado cae máis rápido que o folio posto horizontal, se os dous pesan o mesmo?
A resposta está no aire (case como na canción de Bob Dylan).
Como non vemos o aire, tendemos a esquecer que está aí, pero as partículas dos gases que o compoñen sosteñen con máis facilidade un folio estirado que un engurrado.
Por iso, se fixésemos o experimento no vacío, unha pluma e un obxecto moi pesado caerían ao mesmo tempo, tal como no seu día demostrou Galileo. Mira, mira!

Experimento: taumatropo.

Que pasa cando vemos dúas imaxes moi rapidamente, unha a continuación de outra?
Pois que se superpoñen no noso cerebro, e vémolas unidas.
Esa é a base dos debuxos animados, e tamén a deste xoguete que acabamos de facer, o taumatropo.
https://photos.app.goo.gl/mjJYTnAgFdEuHRM37

Para facelo, pintamos e recortamos dous círculos que levan imaxes combinables (un paxaro e unha póla, un peixe e o mar, unha araña e unha arañeira, unha cabeza e un sombreiro...), pegámolos sobre un cartón para darlle un pouco de consistencia, e despois metemos un pauiño polo medio, para poder xiralas.
Ao xirar, as imaxes superpóñense, e vemos o paxaro subido na póla, o peixe sobre o mar, a araña na súa arañeira, o sombreiro enriba da cabeza...
Veña, a xirar o voso taumatropo, e...que xire o mundo!