viernes, 21 de junio de 2019

Excursión a Cambados

Durante o último trimestre, estivemos traballando sobre as profesións das persoas, e moi especialmente sobre a profesión de mariscadora, tan importante e frecuente na nosa zona.

https://photos.app.goo.gl/MGoTYinWDPvxdhcr5
Vimos as ferramentas coas que traballan, e como se utilizan. E, como tamén estábamos vendo otema dos invertebrados, aproveitamos para aprender cousas sobre os moluscos.
Para rematar o tema, fixemos unha excursión a Cambados, onde un grupo de mariscadoras explicounos como facían o seu traballo. E tamén nos deixaron mariscar!
Atopamos un montón de invertebrados: ameixas de distintos tipos, berberechos...e tamén unha estrela de mar e algunha miñoca!
Queredes velo? Pinchade na foto!

miércoles, 29 de mayo de 2019

Experimento: cal cae máis rápido?

Este experimento é moi doado de facer.
Só precisamos distintos obxectos, que teñan pesos e formas diferentes.
Nós usamos:
  • Un folio engurrado. 
  • Unha goma de borrar. 
  • Unha pluma de ave. 
  • Un folio posto de xeito horizontal. 
Primeiro, fixemos as nosas predicións acerca de cal caerá máis rápido.


https://photos.app.goo.gl/JuZB8dRcGNSnVVJt9

Logo, lanzamos os obxectos ao mesmo tempo desde a mesma altura, poñendo o folio de xeito horizontal.
O obxecto que máis tardou en caer  foi a pluma, e iso fíxonos pensar que o peso é moi importante en relación coa velocidade coa que caen os obxectos.
Pero daquela...por que o folio engurrado cae máis rápido que o folio posto horizontal, se os dous pesan o mesmo?
A resposta está no aire (case como na canción de Bob Dylan).
Como non vemos o aire, tendemos a esquecer que está aí, pero as partículas dos gases que o compoñen sosteñen con máis facilidade un folio estirado que un engurrado.
Por iso, se fixésemos o experimento no vacío, unha pluma e un obxecto moi pesado caerían ao mesmo tempo, tal como no seu día demostrou Galileo. Mira, mira!

Experimento: taumatropo.

Que pasa cando vemos dúas imaxes moi rapidamente, unha a continuación de outra?
Pois que se superpoñen no noso cerebro, e vémolas unidas.
Esa é a base dos debuxos animados, e tamén a deste xoguete que acabamos de facer, o taumatropo.
https://photos.app.goo.gl/mjJYTnAgFdEuHRM37

Para facelo, pintamos e recortamos dous círculos que levan imaxes combinables (un paxaro e unha póla, un peixe e o mar, unha araña e unha arañeira, unha cabeza e un sombreiro...), pegámolos sobre un cartón para darlle un pouco de consistencia, e despois metemos un pauiño polo medio, para poder xiralas.
Ao xirar, as imaxes superpóñense, e vemos o paxaro subido na póla, o peixe sobre o mar, a araña na súa arañeira, o sombreiro enriba da cabeza...
Veña, a xirar o voso taumatropo, e...que xire o mundo!

lunes, 8 de abril de 2019

Maqueta dun río

Vós sabedes que partes ten un río?
En 2º A estivemos traballando un pouco sobre o tema.
Primeiro vimos un vídeo que explicaba as partes dun río: curso alto, curso medio e curso baixo; e as características de cada unha delas.
https://photos.app.goo.gl/7c7DvZLQJKgxd642A

Despois, organizámonos por equipos, e cuns cartóns de leite cortados ao medio (iso deixámosllo á profe, que andar co cúter é perigoso!) fixemos a maqueta dun río.
Pintamos, debuxamos, modelamos, e puxemos o nome de cada unha das partes.
A ver se vos gusta como quedou!

jueves, 4 de abril de 2019

Plantar

No patio do cole temos un anaquiño de horta.
https://photos.app.goo.gl/3obtwmCYfPUXJr5YA

Como a primavera é bo tempo para sementar cousas, a semana pasada estivemos traballando na nosa horta. Primeiro, aireamos un pouco a terra, escavando por aquí e por acolá para que quedase ben soltiña. Despois fixemos buratos para poñer as plantas.
Botamos un montón de cousas diferentes: leitugas, cebolas, porros... E como non todo ían ser verduras, tamén puxemos unha riquísima froita: amorodos.
Por último, augamos ben todo. Xa sabedes que as plantas precisan auga para vivir!
Agora temos que estar pendentes, non vaia vir algún paxaro comernos os amorodos. Dos que voan ou dos que andan a dúas patas, ti xa me entendes! ;-)

miércoles, 3 de abril de 2019

Contacontos co profe Miguel

A semana pasada estivemos na biblioteca co profe Miguel.
Se vises que ben sabe contar os contos...é un artista!
Contounos o conto de Daniela, a nena que quería ser pirata.
Tamén nos contou un de dous irmáns que tiñan un muíño máxico.
https://photos.app.goo.gl/vv946ztHjaL3MBn28

Pero o máis divertido foi que fixemos teatro. Porque Miguel traía algunhas cousas para disfrazarnos, e saímos representar o conto dos dous irmáns.
Pasámolo pipa!!
Aí vos quedan as fotos, que dan fe do que vos digo. 
Grazas, profe Miguel.